Publicado por : Adycto 26 de setembro de 2013

Marek é un deses galegos que nacen onde lles peta. O seu pasaporte di que é cidadán polaco pero, se en vez de por Marek atendese por Diego, podería pasar perfectamente por ser de Ponteceso, Marín ou Carnota. Gusta das comidas caseiras, das sobremesas longas e, coma bo galego, do humor retranqueiro, algo que pasa de ser normal a raro a medida que metes quilómetros -perdón, quixemos decir "miles"- co Padornelo.



Coñecímolo hai un par de semanas nunha desas pozas de sabiduría popular que se agochan baixo o nome de "Pub" e que podedes atopar espalladas por calquera rúa de Dumfries (Scotland). Dende que entrou no local, nós estabamos nunha mesa, captou a nosa atención. E nós a del porque, o primeiro que fixo cando lle serviron a pinta, foi deixar atrás a barra e dirixirse á nosa mesa cun enorme sorriso atravesando a súa cara de orella a orella. Por se tiñamos alguna dúbida sobre a dirección que levaba, cando estaba a tres ou catro metros de nós, ergueu a mán dereita a xeito de saúdo e engadíulle, para non deixar lugar a dúbidas, un "Hey, amigos, what are you looking for at Scotland?". Nós respostamos co noso habitual coro de "Yeah, fine, thanks". Ou sexa, cada quen entendeu unha cousa e ninguén a correcta. Xa vedes que temos a lingua de Shakespeare absolutamente domiñada.

Pero Marek non cambio de expresión nin de dirección a pesares da nosa desconcertante resposta. Seguiu avanzando con paso decidido e, cando estaba a menos dun metro, dirixiunos unha desas preguntas das que non pillas nin unha palabra pero que, polos xestos do que a fai, comprendes ao momento. Todos asentimos coa testa ao tempo que dicíamos, cunha soa voz, un sonoro "Yeah" e achegabámoslle a Marek unha cadeira para que sentase. 

E non sexades ilusos. Se pasades un mes en Escocia igual non voltades a casa falando inglés perfectamente, pero co que seguro regresades é cunha especie de "superpoder" para entender o que che din so pola linguaxe corporal do que fala. Co inglés nivel B1 igual non, pero con ese "superpoder" voltades seguro.

Pero centrémonos no tema. Marek estaba xa sentado connosco na mesa e, trala pertinente referencia ao tempo para rachar o xeo da conversa, díxonos que o seu nome era Marek e que nacera en Poland, concretamente en Ustka. Antes de que puidésemos sequera dicir os nosos nomes e, todavía co sorriso de cortesía ese que se che pon nos beizos cando falas con alguén no estranxeiro, Marek explicounos que era taxista e que levaba 4 años viviendo en Escocia. Nós presentámonos un a un e contámoslle que viñamos de Galiza, "a beatiful place in the north-west of Spain", ou algo así, dixemos.

Marek preguntounos se Galiza tiña mar porque, segundo contou, a súa vila natal estaba ao carón do Báltico e el era dos que pensaba, segundo puidemos entender, que hai dous tipos de homes: os de terra adentro e os da costa. Nós tratamos de explicar o mellor posible a intensa relación da nosa Terra co mar e, nun alarde sin par de perda de vergoña idiomática, inclusive enlazamos un par de frases seguidas alabando algunhas das moitas virtudes de Galiza como a boa mesa, a calidade de vida, etc.

Marek escoitábanos con atención, descifrando con naturalidade o noso críptico e macarrónico inglés, ao tempo que trasegaba con deleite a súa pinta. Aquela era a conversa máis longa que mantiveramos no idioma de Shakespeare dende a nosa chegada ás illas, exceptuando o que falabamos nas clases de inglés ás que asistimos regularmente os martes e os xoves.

Coa segunda ronda de pintas falamos de fútbol -Marek é do Barça como si nacera en Canaletas- e tamén das "rarezas" dos británicos, como non usar o sistema métrico ou conducir polo lado contrario. Nesas estabamos cando a Marek pitoulle o teléfono e, tras unha rápida conversa, díxonos que tiña que marchar. Nós dixémoslle que unha máis pero Marek mirounos cun sorriso cargado de retranca e, mentres levantaba da cadeira, soltou un "you can never understand a woman" seguido dun  "married", que fixo que todos sorrísemos con complicidade. Antes de marchar, deixounos unha tarxeta co seu teléfono e invitounos á festa de aniversario que ese sábado daría na casa para celebrar a súa entrada nos 50.

Xa estaba de camiño á porta do pub cando detívose e xirou cara a nosa mesa de novo, mentres erguía a mán a modo de despedida. Nós devolvímoslle o saúdo coa cabeza ao tempo que o despedíamos cun "see you" . Entón demostrounos a súa "galeguidade". Nun ton de voz o suficentemente alto como para que toda a "parroquia" o puidese escoitar con claridade, dirixíunos un "keep working hard", acompañado dun xesto coma de quen está a botar unha caña de cervexa, que non deixou lugar a dúbidas. Mentres Marek perdíase no medio da xente de camiño á saída, entre os sorrisos dalgúns clientes, nós descubrimos que os galegos, como dicíamos ao comezo, poden nacer na Pobra ou en Ustka, tanto ten.

Por certo, algún día contaremos algo da festa de aniversario de Marek. Foi incrible.

PD: A imaxe para o post sacàmola da web: http://www.eldestiladorcultural.es

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -