Publicado por : Adycto 14 de novembro de 2013

Logo dun lustro de crise en España sentímonos por fin preparados para achegar algo do vivido ás xeracións futuras e, por iso, decidimos elaborar o noso particular "Abecedario da Crise", un intento de deixar constancia do que para nós significan algún dos termos que, durante os últimos cinco anos, non deixamos de escoitar en boca de políticos, contertulios, e xentes de todo oficio e condición. Non están todos, nin moito menos, pero son todos os que están.




de Austeridade: É un mantra utilizado polos distintos gobernos para poder eliminar dos seus orzamentos todas aquelas partidas económicas que consideran supérfluas como por exemplo as becas, axudas sociáis, beneficios sanitarios, etc. En teoría, os economistas definen austeridade como o "rigor no control do gasto", un concepto totalmente carente de sentido na historia recente de España. 

de Burbulla (inmobiliaria): Fenómeno "Tipical Spanish" que consistíu no incremento sostido e anormal dos prezos da vivenda co obxectivo de facer negocio. Unha casa aumentaba o seu valor dun ano para outro nun 10% como mínimo. Chegouse a construir nun ano máis viviendas en España que en Francia, Italia e Alemaña xuntas. Todo moi normal. Estado, Banca e cidadanía miraron para outro lado mentres a burbulla medraba e medraba...Ata que un día estoupou.

de Creto: É o que os bancos concedían de xeito indiscriminado a particulares e empresas durante os primeros sete anos do novo milenio para seguir inflando a burbulla inmobiliaria. Nesa época, a xente pedían un creto hipotecario e, xa postos, metía tamén un coche novo e os mobles da casa. Non ter un nesa época era de "rarunos". O raro agora é coñecer a alguén a quen lle concedan un.

de Desemprego: É sen dúbida o clube con máis socios de España. Chegamos a ser máis de 6.000.000 e é a situación que vive máis dun 20% da poboación activa en España. Por certo, a austeridade fai que preto de 2.000.000 de persoas estean no paro e non cobren ningún tipo de prestación. Iso si, grazas as impresionantes reformas laboráis realizadas polos nosos gobernantes o problema está en proceso de solución. Vai levar tempo amañalo, igual 20 ou 30 anos.

de Estafa: Fenómeno que nace como consecuencia da corrupción masiva que impera no Estado. A estafa convertiuse nun xeito máis de entender os negocios para os grandes empresarios españois. Dous dos exemplos máis coñecidos foron o dos "afectados polas preferentes", co que a Banca estafou a máis de 400.000 persoas roubándolles en moitos casos os aforros de toda a vida, e o caso do Sistema Hipotecario Español, que provocou unha sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que demostraba a existencia de "cláusulas abusivas" na maioría das escrituras de préstamos hipotecarios. 

de Fraude (fiscal): Tan español como ir de cañas cos amigos é o tema do fraude fiscal polo que escapaban ao control do Fisco, cada ano, preto de 90.000 millóns de euros. A Familia Real axudou moito a popularizar este concepto tan noso.

de Gasto: Non confundir con inversión. Trátase dos pagos que os gobernos de turno inclúen nos seus orzamentos para manter institucións como a Monarquía, o Senado ou as Deputacións. Neste capítulo están tamén encadradas as facturas de infraestructuras claves para o progreso de España como a Cidade da Cultura de Galicia, os aeroportos de León, Burgos ou Albacete, a Expo de Zaragoza, etc, etc.

de Hipoteca: Esta palabra sufríu unha curiosa transformación co paso dos anos. Na época dos nosos avós era unha verba cunha clara connotación negativa xa que traducíase por deberlle cartos a alguén durante moito tempo. Sen embargo, entre 1998-2007 (aprox), o seu significado asimilouse co de "triunfador" para a maior parte da sociedade. Seica agora parece que recupera o seu valor orixinal.

de Impunidade: Falta de castigo. Así de simple. A corrupción en España acadou unha posición tan superlativa que, como consecuencia dela e da putrefacción da maior parte das institucións publicas, a Impunidade converteuse no status xurídico de gran cantidade de persoas (ricas e poderosas claro está). Ainda que as veces algunhas delas eran sometidas a unha especie de xuízo para aplacar á masa, en ningún caso eran castigados de xeito acorde ao delito cometido. Para eles delinquir saía a conto.

de Libros (contables): Xénero literario de ficción que tivo grande éxito durante a crise económica. Algúns chegaron a ter tanto éxito que os periódicos os publicaban por fascículos. Autor destacado do xénero: Luis Bárcenas.

de Mercados: Ente abstracto ao que, durante boa parte da crise, os políticos culparon de todos os males da economía  pero aos que, aínda así, entregáronlle en bandexa de prata os recursos do Estado para que os xestionaran ao seu antollo. 

de Nacionalización: No pasado tiña outro significado. Non confundir. Durante os anos da crise foi o termo utilizado polos diferentes gobernos para levar a cabo a "socialización das perdas" das grandes empresas e bancos. A cambio, Papá Estado non recibiu ninguna compensación e, nun futuro próximo, unha vez saneados, entregaranse de novo a máns privadas sen contrapartida. Senón ao tempo.

de España (coño!): Estado co mellor sistema bancario do mundo e cunhas institucións sólidas e incorruptibles. Conta cunha Constitución intocable que garante os dereitos e deberes de tódolos españois. É o marco de convivencia perfecto aínda que, iso si, se a UE pide que se cambie se fai sen problemas en dúas semanas e en agosto.

de Ouro: Reclamo publicitario utilizado, en letras ben grandes e habitualmente precedido da verba "compro", por un dos poucos negocios que, xunto cos cerraxeiros e as marcas blancas, prosperaron durante a crise económica. 

de Prexubilación: Acompañada case sempre da verba "millonaria" dícese da recompensa cobrada por moitos dos responsables das entidades financieiras españolas que tiveron que ser rescatadas durante a crise. Senón es español de nacemento é difícil que alcances a comprender este concepto.

de Quita: Término que aprendimos, case sen darnos conta, lendo as noticias sobre empresas que entraban en concurso de acreedores nos xornais. Xunto co concepto ERE entraron a formar parte do noso vocabulario case sen darnos de conta. A quita, por certo, é a parte da débeda que o debedor non vaia asumir.

de Recesión: Xeito utilizado polos gobernos de turno para referirse á situación económica en España durante a crise. Non é o mesmo que crise, non confundir, e soía ir acompañado doutros termos inventados para a ocasión como crecemento negativo, desaceleración, etc, etc.

de Salario: Remuneración que deberían recibir os traballadores polo desempeño da súa labor profesional. A cuantía varía constantemente durante a crise, incluso dun mes a outro. Cabe destacar, como dato curioso, a evolución do termo "mileurista" que antes da crise era pexorativo e logo pasou a significar afortunado.

de Traballadores: Conxunto de persoas, cada vez máis reducido, que acuden a desempeñar unha labor esperando cobrar por ela. A súa falta de produtividade, os altos emolumentos percibidos e a escasa capacidades de sacrificio con que contaban son, para moitos, a verdadera causa da crise.

de Vivenda: Foi a principal inversión do mellor sistema bancario do mundo durante perto dunha década. Agora é o sitio do que se deshauciou a máis de 200.000 familias nos últimos 5 anos. Na Constitución aparece reflexado que todo español ten dereito a unha pero é no Preámbulo, así que non importa.

de Xubilación: Paga que os traballadores reciben do Estado tras unha vida de esforzo e cotización. Ultima reminiscencia do Estado de Benestar. A pesares de que se pretenda acabar con ela ten sido o sistema responsable de que en España non existise unha quebra social e un estalido civil.

de Zapatero: Un dos dous presidentes de goberno que tiveron a responsabilidade de xestionar a crise. Negouna durante moito tempo e a xestionou mal pero aínda recordamos como comparecía para dar explicacións. Sen "plasma" por medio e contestando preguntas.

2 Respostas ata o de agora.

  1. JLMejuto dí:

    ¡Fenomenal!

  2. Adycto dí:

    Me alegro de que gustara...
    Apertas!!

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -